20/05/2021
De todas as abellas, a nosa preferida, é a nai. Nesta data especial para elas recuperamos un artigo que publicamos no desaparecido "Dioivo" hai nove anos. Bo día das abellas!🐝🐝🐝🐝🐝🐝🐝
GOD SAVE THE QUEEN (BEE)
O derradeiro domingo de abril, recibimos nas terras do Suído a visita da Asociación de Apicultores de Kent (Inglaterra) da man da súa secretaria, Ronnie Eagles. Por alí estiveron para ollar as instalacións de Abella Lupa (as súas alvarizas e o seu centro de extracción e envasado de mel ecolóxico) e tamén, para achegárense até o lagar da cera e o Centro de Interpretación da Ceraría de Paraños —o oficio da ceraría estivo moi estendido no concello de Covelo até mediados do século pasado.
Así, arredor de vinte soci@s da Kent Bee-keeper´s Association deixáronse caer por estas paraxes de poulas e fragas, de bestas, vacas, lobos e abellas. Quedaron abraiados co uso tradicional que se facía da cera das abellas melíferas: o seu procesamento no lagar para a elaboración de bloques, o seu branqueo nos curadoiros ou eiras da cera e a posterior fabricación de candeas e exvotos con esta materia prima pura das abellas.
Pola tarde foi a quenda da visita aos apiarios na Serra do Suído e nas Fragas do río Tea. Neles prodúcese mel ecolóxico certificado, práctica que lles interesou enormemente, pois os labores para a súa obtención foron obxecto dun exhaustivo interrogatorio. O que máis controversia xerou foi a discusión sobre o tratamento para a doenza crónica das abellas coñecida como varroase, producido polo ácaro Varroa destructor. A prohibición da utilización de produtos químicos de síntese asemelláballes difícil para o control desta enfermidade, así que unha vez aberta a primeira colmea para a súa inspección, comezaron a busca da presenza deste pequeno parasito no interior da mesma. E vaia!, non toparon nin rastro del e non lles quedou outra que recoñecer que funcionaba ben o manexo ecolóxico das abellas.
A continuación, tod@s comezaron a extraer os panais da colmea e de maneira coordinada empeñáronse en buscar —desta vez— a “queen bee”. De entre abelleir@s, sobresaía un: o presidente da Asociación de Apicultores de Londres, John Chapple, quen tamén tiña a honra de ser o apicultor da raíña de Inglaterra nos xardíns de Buckingham Palace. Estoicamente supervisaba e aloumiñaba sen luvas as abellas pousadas nos cadros, sen se laiar das súas picadas. El era moi discreto, polo que soubemos do seu oficio real por mor dos comentarios furtivos d@s parceir@s: “He´s the bee-keeper of the Queen”.
Despois de varios minutos, a “queen bee” tampouco quería aparecer. Cando por fin desistiron no seu intento, ocorréuseme facerlles unha chanza fácil: “as nosas abellas non teñen raíña, pois son republicanas”, mais era demasiado doada, e non sei como lles sentaría este comentario ás súas psicoloxías británicas, polo que optei por calar. Logo pasoume pola cabeza a denominación que usaban na extinta URSS para a única femia fértil da colonia, “a Nai”, ou o nome que elixiu o primeiro gran naturalista da historia, Aristóteles, para se referir á mesma, “o Rei” —imbuído de seguro pola cultura patriarcal da antiga Grecia. Entón falei: “en Galicia, na nosa lingua, á nai das abellas chamámoslle abella mestra”. “Oh, the teacher bee”, comentaron tod@s abraiad@s.
Que sabi@s eran nos@s devanceir@s, verdade?
Alexandre Cendón